Etiopatoxenia. Lesións por queimadura

1 comentarios comentarios

Etiopatoxenia. Lesións por queimadura

.

ETIOPATOXENIA

Os factores que determinan a lesión son a intensidade da calor, a duración da exposición, e a condutancia do tecido. A queimadura produce os seguintes mecanismos fisiopatolóxicos:
 
LESIÓN CUTÁNEA: a queimadura produce inflamación, o que se manifesta en forma de calor, rubor, dor, impotencia funcional e edema. Prodúcese aumento da permeabilidade vascular e vasodilatación.
 
ALTERACIONS HEMODINÁMICAS: a queimadura produce unha perda da integridade cutánea, que, pola súa vez, produce perda da integridade capilar, que provoca extravasación de líquido desde o compartimento intravascular cara ao intersticio, coa consecuente formación de edema. Pero o grande edema que se produce polas queimaduras non é só debido á perda da integridade capilar, senón que tamén é debido a factores:
Alteración da integridade da microcirculación: a consecuencia da extravasación de líquido desde o plasma cara ao intersticio e tamén de proteínas. Polo xeral, a formación de edema nunha queimadura pequena alcanza o seu máximo nivel entre as 8 e 12 horas posteriores á lesión, no caso de queimaduras grandes ocorre máis tarde, entre as 18 e 24 horas, porque a hipovolemia sistémica atrasa a extravasación de líquido.
Alteración da membrana celular.
Aumento da presión osmótica no tecido queimado: debido fundamentalmente á extravasación de sodio desde o compartimento plasmático, que xera hiponatremia.
Inestabilidade hemodinámica: por redución notable e precoz do volume plasmático e un aumento na resistencia vascular periférica e un gasto cardíaco diminuído.
 
ALTERACIÓNS METABÓLICAS: a queimadura produce unha serie de alteracións hormonais no organismo que producen aumento importante do gasto metabólico e aumento dos requirimentos nutricionais.
 
ALTERACIÓNS RESPIRATORIAS : a primeira causa de morte nos primeiros días tras a queimadura é a insuficiencia respiratoria. Pódense afectar todos os niveis do tracto respiratorio (larinxe, traquea, bronquios e parénquima pulmonar) por efectos da constrición e o edema de irritantes (fume) ou a queimadura directa.
 
ALTERACIÓNS RENAIS: a queimadura produce hipoperfusión renal, sendo a causa principal da insuficiencia renal aguda no paciente queimado. A diurese é de tipo prerrenal nas primeiras horas ou días (por déficit de fluxo), e de tipo renal a partir da segunda semana (habitualmente por sepse, nefrotoxicidade etc.)
 
ALTERACIÓNS HEMATOLÓXICAS: alteración da serie branca (leucocitose con neutrofilia) e das plaquetas (trombocitopenia e trombocitose).
 
ALTERACIÓNS INMUNOLÓXICAS: a infección continúa sendo a primeira causa de morte tras os primeiros días post queimadura. Isto é debido á alteración da barreira mecánica do corpo humano (pel e mucosas), á perda de proteínas, e á alteración dos sistemas de defensa do organismo (humoral e celular).
 
FACTORES PREDISPOÑENTES
 

Débese ter en conta que existen poboacións especiais, como son os nenos e os anciáns. No caso dos nenos, canto máis pequenos son en idade, maior é a proporción entre a superficie corporal (perdida de calor) e a masa corporal total (produción de calor), polo que a perda de calor é máis fácil e rápida, ademais de non dispoñer de mecanismos de defensa fronte ao frío por ter o sistema termorregulador inmaturo. En canto aos anciáns, prodúcese un descenso do metabolismo basal, polo que a súa produción de calor é menor.

 
DIAGNÓSTICO
 
É fundamentalmente clínico. A correcta valoración inicial dunha queimadura é moi importante.
Unha adecuada historia clínica debe incluír os seguintes datos:
Antecedentes persoais.
Día e hora da queimadura.
Axente causal.
Porcentaxe de SCQT (regra dos 9 ou da palma da man 1%).
Grao das queimaduras.
Localización anatómica da queimadura.
Lugar onde se produciu o accidente.
Primeiros auxilios recibidos.

 

Comentarios:
  • avatar Vicente Sandoval dixo:
    mércores, 12 de agosto 2020 ás 20:51
    COMO SE LLAMA LA LESION POR ELECTROCUTAMIENTO DE UNA PERSONA MAYOR DE 45AÑOS QUE GRADO DE QUEMADURA ETA DESIGNADA PARA ESTE CASO. EXISTE ALGUN SISTEMA LEGAL PARA DEMANDAR LA IRRESPONSABILIDAD DE LA EMPRESA ELECTRICA SE HABLARIA DE ALGUNA INDEMINIZACION O RECUPERACION INTEGRAL FISICA DE LA PERSONA GRACIAS
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde